Saturday 27 de April de 2024

Galicia e Teruel defenden a necesidade de acadar un Pacto de Estado para impulsar o reto demográfico


— A conselleira de Medio Ambiente destaca o traballo realizado polo Goberno galego para que todos os cidadáns, elixan onde elixan vivir, accedan a todos os servizos

— Emma Buj salienta que Galicia é xa un exemplo para moitas comunidades autónomas e cidades, polas súas políticas en materia de vivenda ou por iniciativas como o servizo de transporte escolar compartido

— Ambas incidiron en que “o coñecemento e a ordenación do territorio son dous vectores para que os recursos dispoñibles cheguen aos cidadáns”

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e a alcaldesa de Teruel, Emma Buj, defenderon esta mañá a necesidade acadar un Pacto de Estado para impulsar o reto demográfico.

Ángeles Vázquez e Emma Buj mantiveron unha reunión na que abordaron as iniciativas das administracións que representan para dotar de servizos e facer atractivo e posible vivir no rural. Ambas responsables coincidiron en que “falar da realidade de Galicia é falar da de Teruel”, pois son territorios moi extensos, con grandes distancias e un nivel de envellecemento moi alto.

A conselleira indicou que Galicia non cesará no seu empeño por “conseguir que todos os cidadáns, vivan onde vivan, sexan de primeira”, polo que a Xunta fará os esforzos necesarios para habilitar recursos co fin de que todos os galegos teñan todos os servizos.

Vázquez Mejuto manifestou que o Goberno galego sempre se sentará a falar e a explicar o seu modelo de ordenación do territorio, coa finalidade de que as políticas e medidas da Comunidade galega sexan un exemplo de utilidade para as restantes rexións.

Nese sentido, a alcaldesa de Teruel afirmou que Galicia é xa un exemplo para moitas comunidades autónomas e cidades, por iniciativas como o servizo de transporte escolar compartido, unha iniciativa viable e útil neste concello aragonés, engadiu Buj; ou as distintas políticas en materia de vivenda para facilitar aos mozos turolenses o acceso á súa primeira vivenda.

Traballo coordinado e conxunto
Ángeles Vázquez defendeu o traballo coordinado e conxunto das administracións, cun papel importante e vital de cada unha para garantir os dereitos e servizos dos cidadáns. No caso dos concellos —a administración máis en contacto co veciño—, para identificar as súas carencias e necesidades; mentres que os gobernos autonómicos deben facilitar todo tipo de recursos para poñer en valor a potencialidade da Comunidade; e por último, o Goberno central é o responsable de poñer en riba da mesa a financiación, atendendo ás necesidades reais de cada territorio.

De feito, a conselleira e a alcaldesa defenderon que “o coñecemento e a ordenación do territorio son dous vectores para que os recursos dispoñibles cheguen aos cidadáns”.

Vázquez Mejuto lembrou que a historia demostrou que a sociedade ten capacidade para acadar consensos importantes; polo que é imprescindible acadar agora outro en materia de financiación, sen que o traballo de cada administración, por facer valer os recursos que implanta no territorio, abra unha fronte.

A este respecto, Emma Buj defendeu a importancia de que as administracións “teñan altura de miras e sexan capaces de fixarse nas cousas que os outros territorios fan ben”, e destacou o traballo que Galicia leva realizando para frear a impulsar un crecemento demográfico e dotar de servizos ao territorio rural.